Os contratos suxeitos a regulación harmonizada son aqueles que, por alcanzar un determinado limiar no seu valor estimado, suxéitanse a unhas regras especiais en canto a publicidade e elección do procedemento. Son contratos de relevancia comunitaria e que, por tanto, deben ter unha publicidade cualificada a nivel de toda a Unión Europea.
Con carácter xeral son os contratos de obras, de concesión de obras e de concesión de servizos de valor estimado igual ou superior a 5.538.000 euros, e os contratos de subministración ou de servizos de valor estimado igual ou superior a 143.000 euros.
Existe tamén un procedemento administrativo, o aberto simplificado, que ten un réxime xurídico específico. Un dos requisitos para a súa aplicación é que se trate de contratos de obras de valor estimado igual ou inferior a 2.000.000 de euros, ou de contratos de subministración e de servizos, de valor estimado inferior a 143.000 euros.
Tamén teñen diferente réxime xurídico os contratos administrativos e os contratos privados. Os contratos administrativos rexeranse, en canto á súa preparación, adxudicación, efectos, modificación e extinción, pola Lei de Contratos do Sector Público e as súas disposicións de desenvolvemento.
Pola súa banda, os contratos privados rexeranse, en canto á súa preparación e adxudicación, en defecto de normas específicas, pola Lei de Contratos do Sector Público con carácter xeral, e polo dereito privado no que respecta aos seus efectos, modificación e extinción.
Son contratos administrativos os contratos de obra, concesión de obra, concesión de servizos, subministración e servizos, sempre que se celebren por unha Administración Pública.
Pola contra, son contratos privados, os que celebren as Administracións Públicas cuxo obxecto sexa distinto dos anteriores, os que celebren poderes adjudicadores que non sexan Administracións Públicas e os que realicen entidades do sector público que non sexan poder adjudicador.
Con carácter xeral, por razón do ámbito de aplicación, tamén é posible distinguir un réxime xurídico específico para os contratos de obras, de subministración e de servizos, así como os de concesión de obras e os de concesión de servizos, nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais. Existe unha Lei específica para este tipo de contratos.
Tamén os contratos que se desenvolvan no ámbito específico da Defensa e a Seguridade teñen un réxime xurídico diferente recollido nunha Lei específica que desenvolve a correspondente Directiva comunitaria.