O Acordo do 15 de xullo de 2005 do Consello de Ministros, aprobado por Resolución do 19 de xullo da Secretaría Xeral para a Administración Pública (BOE número 184, do 3 de agosto de 2005), para a implantación dunha Rede de oficinas Integradas de Atención ao Cidadán en colaboración coas Comunidades Autónomas e as entidades que integran a Administración Local, prevía no seu apartado 3º que o Ministro de Administracións Públicas, no exercicio das competencias que lle atribuía a normativa vixente podería negociar e formalizar cos órganos das Comunidades Autónomas Convenios Marco co seguinte obxecto:
- Articular medidas e instrumentos de colaboración para a implantación coordinada e normalizada dunha rede de espazos comúns de atención á cidadanía, entendendo por espazos os modos ou canles polos que as persoas poden acceder ás informacións e servizos públicos (oficinas de atención presencial, atención telefónica, páxinas web e outros).
- Establecer un marco xeral de obrigas para permitir, de conformidade co disposto no artigo 38.4b) da Lei 30/1992, de Réxime xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, que os cidadáns poidan presentar, nos rexistros das Entidades Locais do ámbito territorial da correspondente Comunidade Autónoma que se adhiran voluntariamente aos Convenios, as solicitudes, escritos e comunicacións que dirixan aos órganos e entidades de dereito público da Administración Xeral do Estado e das Comunidades Autónomas.
- Establecer compromisos para intercambiar, compartir e integrar medios e instrumentos de información á cidadanía e en particular para a agregación e sindicación, cando resulte posible, de determinados contidos das páxinas web da responsabilidade dos intervenientes.
- Configurar progresivamente a prestación conxunta de servizos de xestión mediante a simplificación e integración dos trámites e procedementos administrativos en que participen as administracións intervenientes e a compatibilidade e interoperabilidade dos sistemas de información que os soporten.
Os mencionados Convenios preverán un instrumento para a adhesión aos mesmos das Entidades Locais e Corporacións de Dereito Público no ámbito da correspondente Comunidade Autónoma que así o soliciten.